SALA DE PRENSA

N.H.U., Premio Honorífico dos II Premios Martín Códax

Músicos ao Vivo concederá este ano o seu Premio Honorífico a N.H.U., un grupo dos 70 cuxo único disco de rock progresivo en galego segue a ser obxecto de culto.

20-10-2014 19:00 PMCM


A directiva de MAV fai pública a súa decisión de conceder o Premio Honorífico desta segunda edición a N.H.U., un grupo musical galego de rock progresivo, psicodelia e jazz fusión formado a comezos da década dos 70. MAV decide conceder este premios polos motivos que se expoñen a continuación:

 

“O Premio Honorífico Músicos ao vivo deste ano 2014 ven a recoñecer a N.H.U., como proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos. Músicos Ao Vivo valora a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista. Con este recoñecemento, facemos xustiza, recuperamos memoria e ampliamos a nosa perspectiva como potencial musical, no espazo e no tempo. Parabéns a N.H.U.”.

 

N.H.U. publicaron un único disco de estudio homónimo, gravado no 1978 coa discográfica Zafiro, que se converteu nunha peza de coleccionista chegando aos 240 euros en eBay hai poucos días. No momento de gravar o disco no 78 negáronse a aceptar as condicións que pretendía impoñerlles a compañía Zafiro de incluír elementos folkis como a gaita nos seus temas. O álbum recibiu moi boas críticas, pero non tivo unha boa distribución. Cantaban en galego, como destacaban no texto de presentación do álbum: “Tratamos de facer camiño e cantamos en galego porque é un idioma que nos gusta. A nosa música para vós”. O nome da banda responde ao acrónimo de “Una Noche Hermosa”, e os seus concertos eran basicamente instrumentais, moi densos, con longuísimas cancións, cunha gran parte de improvisación, a constante presenza dun órgano hammond e guitarras psicodélicas.

 

Adxuntamos a continuación un texto escrito por Alfonso Espiño como extracto do seu libro Historia da Música Moderna en Santiago de Compostela (1954-1978) no que se narra a historia do grupo:

 

"A historia de N.H.U. nace no Colexio Manuel Peleteiro, onde se forma o conxunto Los Trucos a principios da década de 1970. Dous dos seus compoñentes, Xosé Ferreiro e Roberto Abal, deciden formar un grupo paralelo xunto con Antón Porteiro, Ricardo Máiz e Emilio Cao. O novo conxunto recibe o nome de Question, e supón unha ruptura con respecto ó pop que se viña facendo nos anos sesenta. Solidamente baseados no blues, no jazz e no rock, comenzan a afianzar o seu son nos terreos do rock progresivo. En xuño de 1972 son contratados para actuar na discoteca Pop Pool polo espazo dun mes en sesións de tarde e noite.

 

Unha fermosa madrugada de 1973 deciden adicarse profesionalmente á música, e Question pasan a chamarse N.H.U. O nome é o acrónimo de Una Hermosa Noche, ó revés, e tamén facía referencia ó grupo californiano It’s a Beautiful Day. Como a música de N.H.U. non está orientada ás masas, dan forma a un repertorio paralelo co que se presentan nas festas e verbenas. O froito do duro traballo coma orquestra destínase ó pago dos caros instrumentos e amplificadores. Mentres tanto, pola semana, comezan a preparar a que logo sería coñecida coma A Obra. Os ensaios tómanse coma se fose un traballo de 9 a 13:30 e de 16 a 20:30 horas. Ensaian nun local da rotonda de Conxo. As influencias neste punto xa inclúen a King Crimson, Yes, Soft Machine ou Gentle Giant. Neste momento o grupo está composto por Roberto Abal á guitarra, Ricardo Máiz á batería , Xosé Ferreiro á voz e frauta traveseira e Tino Grandío ó baixo, tralo abandono de Cao. Antón Porteiro tamén deixa a agrupación por estas datas.

 

Ao redor de 1974 entra como segundo guitarrista Antonio Fernández, alias Bretch, que aporta un son distorsionado na línea de Led Zeppelin e Frank Zappa. Ó pouco tempo, Bretch abandona a formación, sendo o seu lugar ocupado por Xoan Piñón. O desfile de compoñentes, sobre todo guitarristas, será unha constante. Ricardo Máiz tamén deserta, pasando Ferreiro a tocar a batería. O sistema de traballo do grupo baséase en códigos e esquemas propios, e caracterízase por largas e intuitivas improvisacións que dotan á banda dunha forte personalidade, á vez que se ironiza co academicismo.

 

Para enriquecer a súa paleta sonora engaden a Xurxo Pérez, que se encarga do órgano Hammond. Outras colaboracións inclúen esporadicamente a Benedicto, de Voces Ceibes, ó guitarrista Pablo Villanueva ou ó violinista Osiris. Piñón deixa o grupo en 1976. Pouco despois e por mediación de Nonito Pereira conseguen un contrato coa discográfica Zafiro (división Novola), e a comezos de 1977, Roberto, Tino, Xurxo, Xose e o seu irmán Xulio, que figura coma percusionista, rexistran o seu único LP nos estudios Euro-Sonic de Madrid. A escasa promoción e o feito de que o rock sinfónico e progresivo xa eran historia no momento da súa publicación, explican que o conxunto non despegue. En 1979 sae Roberto Abal e entra Cuchús Pimentel. O saxo de Xulio Seoane é unha das derradeiras aportacións a un grupo que xa dá os seus últimos pasos a comezos da década de 1980.

 

Hoxe en día son profesores, investigadores musicais, músicos profesionais, fotógrafos ou pintores, algúns xa retirados. Case todos seguen tocando na súa intimidade."    

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información