SALA DE PRENSA

Máis de 350 proxectos musicais avalan esta segunda edición

A convocatoria, promovida por Músicos Ao Vivo, entra agora na 1ª rolda de votacións da que saíran 3 finalistas por cada unha das 15 categorías musicais, e outros 3 nomeados nos 3 Premios Organistrum.

20-10-2014 13:00 PMCM


Onte ás 12 da noite remataba o prazo para inscribirse nesta segunda edición dos Premios Martín Códax da Música. O balance non podía ser máis positivo: 304 grupos, 13 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación inscritos. Como explica o voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), Xacobe Martínez Antelo, “este segundo certame, pasará á memoria como a edición da consolidación. O que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá. Os Premios Martín Códax da Música naceron para permanecer no tempo, e os músicos e músicas deste país así o recoñecen e así os están a utilizar nesta segunda edición”.

 

Antelo engade que “o pequeno axuste na reorganización de categorías foi moi ben acollido e mostra disto é o equilibrio entre todas as categorías, nas que non hai tantas diferenzas no número de inscricións coma o ano pasado”. Canto aos Premios Organistrum, pensa que “fan un primeiro achegamento sobre as salas, os festivais e os espazos de comunicación musical que valoran positivamente a visibilidade que supoñen estes premios”.     

 

O voceiro de MAV conclúe a súa valoración asegurando que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resalta o feito de que en todas as categorías haxa proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, iso fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”.

 

Votacións

Unha vez rematada a fase de inscricións, comeza a primeira rolda de votacións para escoller os finalistas en cada categoría. A través dun proceso de votación online e privado a través da web premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo elixirán desde hoxe ata o 16 de novembro aos 3 finalistas de cada unha das 15 categorías musicais, máis outros 3 nomeados por cada un dos 3 Premios Organistrum que este ano se conceden a salas, festivais e espazos de comunicación musical. Os finalistas coñeceranse o 26 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios.

 

Nunha nova quenda de votacións, entre o 27 de novembro e o 14 de decembro, os mesmos socios e socias de Músicos ao Vivo e tamén a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com decidirán @s premiad@s de entre os tres finalistas de cada categoría. Os gañadores saberán da súa elección o 17 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

 

Para facerse soci@ de Músicos ao Vivo e poder participar nos dous procesos de votación de elección dos gañadores dos II Premios Martín Códax da Música, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información