SALA DE PRENSA

“Asociarse é unha necesidade para compartir coñecemento"

Así o recoñecen os gañadores da pasada edición na categoría de pop e indie, Eladio y los Seres Queridos, inmersos no lanzamento do seu terceiro disco, “Orden invisible”. 

14-10-2014 15:00 PMCM


Eladio y los Seres Queridos atópanse en pleno vórtice de lanzamento do seu terceiro disco de longa duración, “Orden invisible”, que lles levará de xira por toda España. Os gañadores na categoría de pop e indie dos I Premios Martín Códax da Música cren que o premio lles deu “a posibilidade de chegar a mais xente e ter unha maior credibilidade do noso proxecto en segmentos e medios que non son consumidores habituais da nosa música”.

“O panorama musical galego ten unha tradición moi rica e vigorosa, e iso é algo esperanzador”, afirman os integrantes do grupo. Engaden que “a realidade da emigración pasada marcou no seu momento unhas décadas de escasa produción local de música, iso parece transitorio e moi probablemente as nosas raíces tradicionais consigan perdurar e ser un foco de cultura a longo prazo”.

Falta de sensibilidade fiscal coa cultura

Para a banda viguesa en Galicia “a actividade musical da xente nova é unha realidade e reflicte que a produción de música popular (non sempre tradicional) goza dunha moi boa saúde a pesar da crise e a pesar da falta de sensibilidade fiscal coa cultura”. Boa proba disto é a Banda Crebinsky, “o descubrimento do ano” para eles na pasada edición dos premios.

Sobre os promotores destes premios, Eladio y los Seres Queridos opinan que “Músicos ao Vivo é unha resposta a unha realidade: o artista que traballa necesita un mínimo apoio profesional e un asesoramento especializado”. Socios declarados de Musicat, cren que “asociarse a Músicos ao Vivo é unha necesidade por moitas razóns, e a principal é a de compartir coñecemento e experiencia”.

Imaxe: Portada do novo disco de Eladio y los Seres Queridos, “Orden invisible” (Esmerarte, 2014).

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información