SALA DE PRENSA

Os premios reciben o respaldo da comunidade musical

A convocatoria, promovida pola Asociación de Músicos Ao Vivo, está aberta a todos os proxectos musicais de Galicia ou fora de Galicia pero feitos por músicos galegos. Ata o 19 de outubro está aberto o prazo para&

10-10-2014 10:00 PMCM


Despois dunha primeira edición caracterizada polo éxito na participación, con máis de cincocentos proxectos musicais inscritos, os datos destes II PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA confirman que estes premios continúan a encher un baleiro que era necesario cubrir. Nesta segunda edición, con máis de 150 proxectos inscritos e todas as categorías cubertas e dez días por diante para que remate o prazo, refórzase a idea de que a expectación creada na primeira edición non foi froito dun día e dalle azos a esta iniciativa para aspirar á continuidade no seu traballo de posta en valor do feito musical en Galicia.

 

O certame está sendo apoiado polo groso do sector musical galego, non só a través de músicos de todos os estilos, que van desde Susana Seivane ou Treixadura ata Novedades Carminha; senón que como novidade deste ano as salas, festivais e espazos de comunicación musicais, cómplices imprescindibles das músicas e músicos galegos, ven tamén recompensado o seu imprescindible traballo a través dos Premios Organistrum. Esta realidade vén a demostrar que esta é a gran festa da música galega e a oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical.

 

Xacobe Martínez Antelo, voceiro da organización, asegura que “os premios víanse o ano pasado como unha ocasión única que non se repetiría máis e recibimos todos os proxectos musicais desde o principio dos tempos. Agora a xente ve que isto vai en serio, que vai haber unha edición cada ano, e os músicos miden e valoran moito máis que proxecto presentar, así que o certame irase axustando ao número real de proxectos que se crean cada ano”. Con todo, desde a organización tamén admiten que, contra toda predición, as categorías de Reggae/Ska/Mestizaxe e Música de Verbena son as que van máis lentas, a pesares da inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen en Galicia; e animan a todos os que formen parte dunha orquestra, dunha charanga ou dun grupo de música de baile ou de mestizaxe a que se inscriban e participen.

 

Quen pode presentarse aos Premios Martín Códax da Música

Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2014. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2014, nin ter editado disco algún.

 

Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. Os Premios Martín Códax da Música van dirixidos a tod@s @s músic@s, polo tanto, non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. A inscrición será libre e gratuíta. e  só haberá que aportar unha imaxe, unha pequena descrición e dous audios.

 

Os II Premios Martín Códax da Música darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 15 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 45 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederanse 3 premios Organistrum á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical; e o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria dun/unha músic@ galeg@, que se fará público o 20 de outubro.

 

O proceso de votación

A través dun proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro entre o 20 de outubro e o 16 de novembro aos 3 finalistas de cada unha das categorías existentes. Os finalistas coñeceránse o 26 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios.

 

Nunha nova quenda de votacións, entre o 27 de novembro e o 14 de decembro, os mesmos socios e socias de Músicos ao Vivo e tamén a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com decidirán @s premiad@s de entre os tres finalistas de cada categoría. Os gañadores saberán da súa elección o 17 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

 

Para facerse soci@ de Músicos ao Vivo e poder participar nos dous procesos de votación de elección dos gañadores dos II Premios Martín Códax da Música, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com.

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información