SALA DE PRENSA

“Un abano de variedade musical se estende por toda Galicia”

Os gañadores da pasada edición na categoría de metal, Machina, afirman que o certame serviu para mostrar que “un grande abano de variedade musical e sempre con moita calidade se estende por toda Galicia”.&a

05-10-2014 15:00 PMCM


Para o grupo de metal Machina gañar a pasada edición dos Premios Martín Códax da Música supuxo “unha inxección extra de motivación para seguir facendo o que facemos con convicción” e “un bo empuxón á nosa traxectoria”. A banda de Cerceda salienta ademais que o ter gañado “foi algo que nos abriu portas, sobre todo de cara a algún festival no que normalmente o noso estilo non fose antes unha primeira opción”.

 

O certame deparoulles aos Machina outra sorpresa máis. Recoñecen que o dúo Os da ría fíxoos “cantaruxar varias semanas entre nós”, e afirman que os premios están mostrando que “un grande abano de variedade musical e sempre con moita calidade se estende por toda Galicia”. Pola contra, a banda considera que “a industria existente no país non é suficiente para dar soporte a toda a escena e potenciala como é debido”.

 

Traballando nun novo E.P.

 

Na actualidade están a traballar para darlle continuidade ao seu anterior EP, “A síndrome de Nerón”, con outro disco no mesmo formato para o que “xa estamos a compoñer algún tema”. Recoñecen estar “contentos co resultado que nos está a dar este formato, de poucos temas e intentando darlle apoio cun videoclip ao maior número de temas posible, así como o da distribución gratuíta online”, aínda que non desbotan agrupar no futuro “2 ou 3 EPs nun formato físico para quen guste máis do CD e a caixiña”.

 

Segundo Machina o traballo da Asociación de Músicos ao Vivo “é necesario para que no noso país se poida establecer unha industria musical en maiúsculas, de xeito continuado no tempo”, xa que a iniciativa “dignifica e profesionaliza un sector que no laboral aínda segue case nun limbo”. Pero engaden que “dende o colectivo débese dar acollida a todas as propostas, os que dalgún xeito queremos e podemos vivir desto e os que aínda dedicándolle moitas das horas do día e con todo o talento do mundo non poden saír da escena máis underground”.

 

Imaxe: Machina celebran cantando o seu premio da pasada edición. (Foto: Xabicas)

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información