SALA DE PRENSA

Os Martín Códax, “unha auténtica necesidade para o país”

Abe Rábade Trío, gañadores na categoría de jazz e músicas improvisadas da primeira edición, definen así o certame promovido pola Asociación de Músicos Ao Vivo.

01-10-2014 18:00 PMCM


“Unha auténtica necesidade para o país” e “unha axuda á visibilización do talento do noso gremio” son, segundo Abe Rábade, líder de Abe Rábade Trío, os Premios Martín Códax da Música. Os gañadores na categoría de jazz e músicas improvisadas da primeira edición consideran que o premio foi “unha potente ferramenta para a divulgación do proxecto”, polo que “non cabe máis que felicitar a Músicos ao Vivo polo seu magnífico labor”.

 

Abe Rábade Trío atópanse xa inmersos na preparación do que será o seu próximo proxecto: a estrea xunto á Real Filharmonía de Galicia da obra orixinal “Tránsitos” (para Jazz Trío e Orquestra Sinfónica, en 4 movementos) , prevista para abril de 2015. Con respecto á pasada edición dos premios, o grupo, recoñece que o maior descubrimento da pasada edición foi “o feito de saber que hai unha representación de alta calidade nun amplísimo abano de xéneros musicais”. Para eles iso supón “garantía de futuro para unha creatividade diversa, malia o nefasto que está sendo o actual contexto socioeconómico”.

 

Coraxe fronte á ausencia de circuito

 

“O rigor, coraxe e ambición dos que cada vez máis intérpretes do país fan gala” é segundo Abe Rábade, o punto forte dun panorama musical galego que padece “a ausencia dun circuíto musical profesionalizado e economicamente sostible, un circuíto que saneara a hoxe moi mermada industria musical galega”. Para o intérprete, a solución a esta carencia pasa polo “concurso das institucións públicas e do mecenado privado (con inversións económicas serias, non as actuais puramente testemuñais), para podermos sentar as bases dun sector musical que co tempo se autoxestione”.

 

Sobre o labor de Músicos ao Vivo, promotores destes premios, Abe Rábade considera que “o traballo da asociación é moi necesario”. Para o músico, “un dos grandes males históricos do noso gremio era a ausencia dunha plataforma que defendera os nosos intereses”. “Hoxe afortunadamente existe, malia que tristemente moitos colegas continúen sen asociarse”, engade.

 

Imaxe: Abe Rábade agradecendo o seu premio na gala da pasada edición. (Foto: Xabicas)

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información