SALA DE PRENSA

Arrancan os II Premios Martín Códax da Música

Novas categorías musicais e 3 Premios Organistrum marcan as novidades desta convocatoria

24-09-2014 12:00 PMCM


Esta mañá presentouse en Santiago a segunda edición dos Premios Martín Códax da Música. O acto, que tivo lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, contou co respaldo de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e María Garrido, directora de Marketing das Bodegas Martín Códax; que xunto con Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), se mostraron satisfeitos polos resultados acadados na primeira edición, e ilusionados ante unha nova convocatoria con novas categorías moi demandadas e da que se agarda un novo éxito no número de inscricións.

 

O voceiro de MAV desgranou as claves desta convocatoria que ten como gran novidade os 3 PREMIOS ORGANISTRUM á Mellor Sala, Mellor Festival e Mellor Espazo de Comunicación Musical. O Organistrum é un dos instrumentos que aparecen no Pórtico da Gloria. É anterior mesmo ao propio Martín Códax, e eran necesarias dúas persoas para facelo sonar, debido ao seu gran tamaño. Segundo explicou Antelo, “con estes galardóns a Asociación de Músicos ao Vivo quere render recoñecemento aos cómplices imprescindibles dos músicos e músicas, axentes presentes no noso sector musical, na nosa Industria, no feito cultural mesmo”.  

 

Tamén anunciou novidades respecto das categorías artísticas. Este ano convócanse 15 CATEGORÍAS MUSICAIS. O ‘Rock’ ten categoría propia diferenciada da de ‘Blues, Funk e Soul’, e creáse a categoría de ‘Canción de Autor’, moi demandada na anterior edición. Estas son as categorías: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas..) / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena.

 

Ademais MAV continúa o seu labor de recoñecer a traxectoria dun/dunha músic@ galeg@ a través do PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo, que volverá poñer o foco en artistas de retagarda. Esta distinción decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo e farase público o 20 de outubro.

 

Martínez Antelo destacou que “este é un dos proxectos con máis potencial de crecemento de todo o panorama cultural galego porque agrupa a un sector cada vez máis amplo, emerxente e talentoso”.  Para o voceiro de MAV, os Premios Martín Códax da Música son un exemplo de colaboración entre sociedade civil, administración local e autonómica, e empresa privada. Apuntou ao diálogo, ás sinerxias, á eficiencia e ao compromiso de todos estes axentes, e destacou a gran aposta das Bodegas Martín Códax, a quen agradeceu a súa forte implicación neste proxecto. Tamén citou o grande apoio de empresas punteiras do sector cultural galego que colaboran no proxecto; e o respaldo de axentes claves de todo o sector musical como AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes), FEGAFE (Federación Galega de Festivais), CLUBTURA (Asociación Galega de Salas de Música Ao Vivo) ou FEMA (Federación de Músicos Asociados).

 

Antelo tamén fixo fincapé na importancia de que este proxecto sexa entendido como unha oportunidade para todos os que fan música en Galicia ou desde fora de Galicia pero con integrantes galegos, calquera que sexa o estilo musical e a lingua na que desenvolvan o seu proxecto, e engadiu que “Músicos ao Vivo entende a música galega dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza”. Neste sentido, animou a todos os músicos a consultar as bases na web www.premiosmartincodaxdamusica.com e a inscribir os seus proxectos antes do 19 de outubro.

 

Por último, quixo recordar que “estes premios non nacen da nada. Son unha necesidade pedida a berros”, e nese sentido comunicou a firme decisión de MAV de dirixir este proxecto con carácter de continuidade, lexitimidade e seriedade escrupulosa nas votacións para poñer en valor o feito de ser finalista ou premiado.

 

Quen pode presentarse aos Premios Martín Códax da Música.

Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2014. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2014, nin ter editado disco algún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. Os Premios Martín Códax da Música van dirixidos a tod@s @s músic@s, polo tanto, non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. A inscrición será libre e gratuíta.

 

Os Premios Martín Códax da Música darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 15 categorías musicais que se convocan. En total, botarán luz sobre 45 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederanse 3 premios Organistrum á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical; e o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria dun/unha músic@ galeg@, que se fará público o 20 de outubro.

 

O proceso de votación

A través dun proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, as/aos premiad@s en cada categoría. Para facerse soci@ de Músicos Ao Vivo, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os finalistas coñeceranse o 26 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios, que se entregarán o 17 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

 

Os apoios

A convocatoria está apoiada desde o ámbito privado por Martín Códax , que demostra unha vez máis o seu compromiso coa cultura galega apoiando os premios como patrocinador principal. A directora de Marketing das Bodegas, María Garrido, asegurou que están “contentos de seguir este ano apoiando o certame e de poder darlle o seu nome, que se debe non so á aposta firme da marca por este proxecto, senón tamén ao feito de que o trobador medieval Martín Códax fora o primeiro músico galego do que se ten noticia, algo que nos une a todos neste gran proxecto común, un proxecto que entendemos que é vital para visibilizar a nosa música, que nestes momentos emerxe como un dos sectores con máis potencial da cultura galega”.

 

A nivel institucional, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través dun convenio coa AGADIC ofrece á convocatoria un soporte fundamental, non so a nivel económico senón tamén estratéxico ao considerar que se trata dun certame necesario e inclusivo. Así o indicou o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que felicitou aos organizadores e colaboradores do certame, e amosou a súa vontade de continuar apoiando esta iniciativa.

 

Pola súa parte, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, recordou que “cando hai agora un ano se anunciaba a posta en marcha dos primeiros Premios Martín Códax da Música, compartiamos publicamente o noso desexo de que estes galardóns tiveran a súa continuidade no tempo como cita destacada dentro do panorama cultural galego. É por iso que hoxe me gustaría comezar felicitando tanto á asociación organizadora  –Músicos ao Vivo– como a todas as entidades patrocinadoras e colaboradoras por esta segunda edición da convocatoria, que enfronta agora o reto de consolidar e mesmo de ampliar o seu éxito do ano pasado. Sutil afirmou tamén que “este é un reto que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tamén asumimos como propio no marco do noso apoio a esta iniciativa” e coincidiu con Antelo ao sinalar que se trata de “recoñecer, dar visibilidade e facer rendible o potencial musical galego; obxectivos todos eles que concordan coa liña de traballo impulsada pola Consellería e pola Agadic a través de accións directas e de colaboración cos distintos axentes que conforman o sector musical en Galicia”.

 

Pola súa banda, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, asegurou que este ano a cidade está “máis encantada se cabe de volver acoller a gala de entrega desta segunda edición dos Premios Martín Códax, despois do éxito do ano pasado, un éxito que  debemos a MAV e a todos os que traballan na organización deste certame que o ano pasado fixeron unha forte aposta para poñer en valor a extraordinaria creatividade musical que vivimos en Galicia nestes momentos”.

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información