SALA DE PRENSA

Este venres coñeceremos os gañadores dos premios

Pontevedra prepárase para acoller a gala de entrega de premios con proxeccións musicais na cidade vella durante as horas previas mentres o escultor Víctor Lorenzo remata no seu taller os últimos detalles das estatuíñas.

11-12-2013 14:18 PGDM


O Pazo da Cultura de Pontevedra prepárase xa para acoller a gala de entrega dos I PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX, un momento histórico que encherá por fin o incompresible baleiro que existía ata o de agora no sector musical galego. Será ás 21 horas cando dea comezo a ceremonia, que conta coa dirección artística do grupo de teatro Chévere, e na que están aseguradas as gargalladas e tamén unha certeira reflexión sobre o panorama da música en Galicia, dende a particular óptica destes veteranos da parodia máis intelixente. Acompañando aos seus sketches, haberá música, composta para a ocasión, con diferentes instrumentacións e sonoridades que axudarán a reforzar cada mensaxe: electrónica cun Dj, un trío de percusionistas, piano, e trío eléctrico. Para rematar a gala, teñen preparada unha sorpresa musical coa que pretenden simbolizar o futuro da música en Galicia.

A organización de Músicos ao Vivo decidiu non contar nesta primeira gala coa actuación de ningún grupo musical concreto, para trasladar dunha forma clara e visible a filosofía inclusiva dos premios, onde todos os músicos, famosos ou anónimos, teñen o mesmo protagonismo neste proxecto que desde a súa web www.premiosgalegosdamusica.com se converteron xa, sen pretendelo, na plataforma de música galega máis importante ata o de agora. Neste sentido, O voceiro de MAV, Xacobe Martínez Antelo, valora o certame como un éxito e agarda que serva para que “a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia nestes momentos chegue a todos os sectores da poboación” e engade que “de momento xa serviron para visibilizar a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas”.

 

As estatuíñas dos premios

As esculturas de madeira que se lles entregarán aos premiados despertaron moito interese na súa presentación oficial, que tivo lugar durante a festa de nomeados celebrada o pasado 15 de novembro nas instalación das Bodegas Martín Códax, principal patrocinador do certame. celebrada﷽as pezas ocinador do certame.  de nomeados que se celebrou o pasado 15 de novembro nas instalaci nO autor destas pezas é Víctor Lorenzo, que desde a súa dobre condición de músico e escultor perfilouse dende o comezo como o artista perfecto para comprender e materializar este delicado encargo, destinado a encher de simbolismo un momento ilusionante e histórico. Estes días, Víctor Lorenzo ultima no seu taller de Nigrán os pequenos detalles das estatuíñas que se entregarán na gala do venres, unha colección de 14 figuras de 45 cm de alto en madeira de cedro que el bautizou como ‘Os Melómanos’; e que son 7 homes e 7 mulleres, que teñen en común a factura grosa que resulta do seu bestial xeito de achegarse á madeira: motoserra en man, tirando as aristas sobrantes a cada anaco de madeira previamente marcado cunha plantilla.

 

Os gañadores

Os afortunados que se leven unha destas pezas a casa terán que saír da lista de finalistas feita pública despois da primeira rolda de votacións, pero desde a organización dos premios consideran que “gañadores son todos os que fixeron parte deste proxecto achegándonos a súa música e construíndo canda nós este fito, que marca un antes e un despois na música galega”. Os Premios Galegos da Música Martín Códax lograron dar visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 13 categorías convocadas. En total, botaron luz sobre 39 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Os socios de Músicos ao Vivo remataron onte, martes 10 de decembro, a segunda rolda de votacións destinada a escoller os gañadores das 13 categorías elixibles. Porén, non será ata o momento da gala cando se coñezan os nomes dos trunfadores, que deberán saír de entre estes finalistas:

Pop e indie

- Xoel López
- Eladio y Los Seres Queridos
- TERELAND

Rock, blues, funk &soul
- NARF
- Cró!
- Foxy Freire

Jazz e músicas improvisadas
- Abe Rábade Trío
- Marcos Pin Factor E-Reset
- Paco Charlín "Flood"

Hip-Hop e músicas urbanas
- Dios ke te Crew
- Wöyza
- García MC

Música clásica e contemporánea
- Taller Atlántico Contemporáneo
- Orquestra Vigo 430
- Vertixe Sonora Ensemble

Folque
- Berrogüetto
- Cuarteto Caramuxo
- Caxade

Música tradicional galega
- Treixadura
- Davide Salvado Trío
- Cantigas e Agarimos
 

Músicas do mundo

- Banda Crebinsky
- 2us
- Germán Díaz Método Cardiofónico

Música infantil
- Mamá Cabra
- A Nena e o GrilonunBarquiño
- Pablo Díaz e a Banda Tic Tac

Electrónica
- Das Kapital
- Aquofono
- Sub Rosa

Metal
- Machina
- Nao
- Tálesien

Reggae, ska&mestizaxe
- Transilvanians
- Dakidarría
- Cuchufellos

Orquestras, grupos e música de verbena
- A Magnifique Bande
- Os da Ría
- Orquestra Os Modernos 

 

Premio Honorífico Músicos Ao Vivo

Ademais, o venres entregarase tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@, que este ano recollerá Antonio Cruz Arévalo “Peri”. A decisión, tomada por unanimidade, premia a traxectoria exemplar de tantos músios anónimos, neste caso a do ‘Peri’, que sempre foi de retaguardia, de sombra, desa última copa co local pechado, e nunca demandou focos, atención, nin titulares. Aquel batería que con 17 anos marchou de Galicia porque o arzobispado prohibía facer música 45 días seguidos por cuestións de axendas divinas, non parou máis. Para os que hoxe se dedican á música de xeito profesional, botar a vista atrás e recoñecerse nun batería que polo ano 1958 xa andaba enleado en métodos, estudios, ensaios, gravacións, xiras, etc... fai que se sintan parte dese mesmo motor que leva tirando de tantos músicos xeracións tras xeracións. Nos I Premios Galegos da Música Martín Códax tócanos recoñecer a un músico que sempre tivo as portas abertas ao resto dos músicos, foran de onde foran, e viñeran de onde viñeran. Un batería que pasaba pasmosamente de profesor a alumno nun abrir e pechar de ollos. Un tipo inmenso, cun corazón de tumbao, e cunha mirada de rumba, que aínda hoxe, pasados os 70 anos, fala de música e resplandece. Este premio será entregado por Juan Vázquez Gancedo, director das Bodegas Martín Códax -principal patrocinador do certame-; e Luis Mendo, representante da entidade colaboradora dos premios, AIE (Asociación de Intérpretes e Executantes).

 

Expectación e calurosa acollida da gala

A cidade de Pontevedra prepárase para acoller a cerimonia de entrega dos I PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX con ilusión. Desde o departamento de Cultura están traballando para que todo estea listo no interior do Pazo da Cultura; pero tamén para crear na cidade un ambiente de expectación en torno aos premios. Farano a través de proxeccións de videos de bandas de música local, que serán lanzadas desde locais comerciais e domicilios particulares da cidade vella.

Nesta primeira gala dos PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX contaremos coa presenza do conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director das Bodegas Martín Códax -principal patrocinador do evento- Juan Vázquez Gancedo; que estarán acompañados doutros patrocinadores, colaboradores e simpatizantes dos premios; dos finalistas; dos socios de Músicos ao Vivo; e de todos os que decidan acompañarnos mercando as entradas que estarán dispoñibles a través de internet, desde da propia web dos premios www.premiosgalegosdamusica.com, ata o xoves ás 00:00 horas ou o mesmo día da gala, venres, na billeteira do Pazo de Cultura a partires das 19,30 horas, a un prezo de 6 euros en ambos casos.

Podedes seguir as novidades do certame en: 

http://www.facebook.com/Premios.Galegos.Musica

https://twitter.com/prgalegosmusica

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información