SALA DE PRENSA

Festa dos nomeados. I Premios Galegos da Música Martín Códax

A Asociación de Músicos Ao Vivo desvela este venres os 39 finalistas dos I Premios Galegos da Música Martín Códax. Daranse a coñecer nunha festa que se celebrará nas instalacións das Bodegas Martín Códax en Cambados.

13-11-2013 15:07 PGDM


A Asociación de Músicos ao Vivo fará pública a lista dos finalistas dos I PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX este venres 15 de novembro na primeira Festa de Nomeados do certame.

O acto, que estará conducido por Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos ao Vivo e músico con multitude de proxectos en activo, celebrarase a partir das 20,30 horas nas instalacións das Bodegas Martín Códax (Burgáns 91, Vilariño – Cambados. Os asistentes poderán disfrutar dunha cea servida polo restaurante compostelán Abastos 2.0 e acompañada polos caldos da bodega.

Daranse a coñecer os 39 finalistas nomeados aos primeiros galardóns do panorama musical galego, que se dividen nuntotal de 13 categorías, nas que se contemplan todos os estilos musicais, linguas e procedencias. Coa festa dos nominados, comeza a conta atrás para a gala de entrega dos I PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA que se celebrará o 13 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

En total, 521 proxectos musicais presentaron os seus traballos durante o prazo de inscrición, o que converte a web dos premios www.premiosgalegosdamusica.com na plataforma de música galega máis importante a día de hoxe.

Está previsto que acudan á gala autoridades da Consellería de Educación e Cultura, da Axencia Galega de Industrias Culturais, da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Pontevedra e Cambados.

Podedes seguir as novidades do certame en: 

http://www.facebook.com/Premios.Galegos.Musica

https://twitter.com/prgalegosmusica

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información