SALA DE PRENSA

Espectacular acollida dos premios con máis de 500 inscritos

Agora ábrese a primeira rolda de votacións para escoller aos tres finalistas de cada categoría. Os socios de Músicos Ao Vivo serán os encargados de votar os seus favoritos ata o 10 de novembro.

22-10-2013 23:37 PGDM


Tamén se deu a coñecer xa o nome do músico que recibirá o Premio Honorífico Músicos ao Vivo nesta primeira edición.

O domingo ás 00:00 horas pechábase o prazo de inscrición de candidaturas e remataba a primeira fase da convocatoria. Houbo novas inscricións ata case a hora límite e o resultado final sobrepasaba con moito as mellores previsións da organización: rexistráronse 521 proxectos musicais en activo, de calquera estilo e en calquera lingua, que converten a web www.premiosgalegosdamusica.com na plataforma de música galega máis completa nestes momentos, mesmo a pesares das ausencias.

Analizados categoría a categoría, os premios veñen a revelar que temos un país de rockeiros e popeiros, onde tamén se fan moitas músicas do mundo, bastante jazz e non pouca música contemporánea; ademáis por suposto das que podemos considerar músicas de raíz galega como a folque ou a tradicional. Sorprende tamén a cantidade de proxectos de metal, contemporánea, electrónica e hiphop;  e resulta ilusionante comprobar como empeza a medrar a música infantil. Estes son os resultados en cada categoría:

Pop e Indie: 81

Rock, Blues, Funk e Soul: 97

Jazz e Músicas Improvisadas: 38

Hiphop e Músicas Urbanas: 26

Música Clásica/ Contemporánea: 29

Folque: 44

Música Tradicional Galega: 28

Música do Mundo: 62

Música Infantil: 17

Electrónica: 36

Metal: 29

Reggae, Ska e Mestizaxe: 18

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: 16

O voceiro de MAV, Xacobe Martínez Antelo, valora o certame como un éxito e agarda que serva para que “a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia nestes momentos chegue a todos os sectores da poboación” e engade que “de momento xa serviron para visibilizar a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas”.

O proceso de votación

A través dun proceso de votación on line e privado a través da web www.premiosgalegosdamusica.com, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, as/aos premiad@s en cada categoría. Para facerse soci@ de Músicos ao vivo, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os finalistas coñeceranse o 15 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios, que se entregarán o 13 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

Os Premios Galegos da Música Martín Códax darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 13 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 39 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederase o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@, que este ano recollerá Antonio Cruz Arévalo “Peri”, que entre moitas outras aventuras musicais foi batería do grupo ‘Los Tamara’.

Premio Honorífico

A decisión de outorgarlle o Premio Honorífico MAV a Antonio Cruz Arévalo “Peri” tomouse por unanimidade. Pero, que se premia? Por que? Ante quen? Antonio Cruz “Peri” sempre foi de retaguardia, de sombra, desa última copa co local pechado, e nunca demandou focos, atención, nin titulares. Aquel batería que con 17 anos marchou de Galicia porque o arzobispado prohibía facer música 45 días seguidos por cuestións de axendas divinas, non parou máis. Para os que hoxe se dedican á música de xeito profesional, botar a vista atrás e recoñecerse nun batería que polo ano 1958 xa andaba enleado en métodos, estudios, ensaios, gravacións, xiras, etc... fai que se sintan parte dese mesmo motor que leva tirando de tantos músicos xeracións tras xeracións. Nos I Premios Galegos da Música Martín Códax tócanos recoñecer a un músico que sempre tivo as portas abertas ao resto dos músicos, foran de onde foran, e viñeran de onde viñeran. Un batería que pasaba pasmosamente de profesor a alumno nun abrir e pechar de ollos. Un tipo inmenso, cun corazón de tumbao, e cunha mirada de rumba, que aínda hoxe, pasados os 70 anos, fala de música e resplandece...

Podedes seguir as novidades do certame en: 

http://www.facebook.com/Premios.Galegos.Musica

https://twitter.com/prgalegosmusica

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información