SALA DE PRENSA

"Os Melómanos", catorce pezas para facer historia

Cando se falou de escoller a un artista para darlle forma á estatuíña que se lles ía ofrecer aos premiados xurdiron varios nomes, pero ningún convenceu tanto como o de Víctor Lorenzo.

18-10-2013 15:55 PGDM


A súa dobre condición de músico e escultor fan del o artista perfecto para comprender e materializar este delicado encargo, destinado a encher de simbolismo un momento ilusionante e histórico: dotar por fin duns premios á música galega.

Desde hai unhas poucas semanas Víctor vive inmerso no proceso creativo das pezas que van conmemorar a primeira edición deste esperado certame que ven a encher un baleiro case incomprensible no panorama cultural galego. Consciente da trascendencia do momento, o escultor dálle voltas e máis voltas ás pezas que vai entregar. A última abordaxe apunta cara unha colección de 14 figuras de 45 cm de alto en madeira de cedro que el bautizou como ‘Os Melómanos’.

O escultor de Nigrán cóntanos que desbotou enseguida a idea de facer reproduccións en serie da mesma estatuíña, e decidiu crear pezas únicas, 7 homes e 7 mulleres, que teñen en común a factura grosa que resulta do seu bestial xeito de achegarse á madeira: motoserra en man, tirando as aristas sobrantes a cada anaco de madeira previamente marcado cunha plantilla.

 

Artista da vella escola

 

Malia que o solicitamos, non puidemos experimentar a brutalidade do momento creativo de Víctor, que se recoñece como un artista da vella escola que necesita ‘ o retiro’ para crear. No entanto, o escultor intercambia coñecementos e experiencias con artistas urbanos máis novos ca el, dos que se declara admirador. Son os muralistas de Vigo ‘Pelucas’ e ‘Liquen’, dous irmáns xemelgos que percorren o Estado buscando unha boa parede para estampar a sua obra, e que teñen colaborado na organización de certames como o DesOrdes Creativas. ‘Pelucas’ está hoxe no taller de Víctor, asesorándoo sobre os sprais que mellor lle van sentar aos traxes das pezas que prepara para os premios.

O taller de Víctor Lorenzo vive alleo ao recendo do mar que se asoma ao outro lado da estrada. Dentro dunha nave maltratada polo tempo, os troncos de cedro agardan a súa quenda, sen sospeitar que nova forma lles quererá dar a motoserra de Víctor. Noutro tempo este lugar acolleu a factoría de souvenirs que daba de comer á súa familia: pequenos cofres de madeira e collares de cunchas que se vendían sobre todo na Toxa e en Santiago; tamén un taller de serigrafías no que segue a traballar. Hoxe aínda quedan algúns vestixios daquela época agochados polos recunchos, convivindo no espazo pero non no tempo coas esculturas deste artista autodidacta que desafía aos cachotes de madeira coa súa motoserra.

Tivo sorte desde o comezo. A súa obra gustou enseguida e foi vendendo sen problema. Sempre a madeira contundente e vigorosa, acompañada de material de refugallo, un detalle característico das súas pezas que no caso desta colección dos Melómanos tradúcese nuns cascos de música reciclados. Son auténticos cascos dos de meter dentro da orella. Víctor anda recolectándoos estes días entre os seus coñecidos. Xa faltan poucos. O que aínda non está definido é o xeito en que os vai integrar na peza. Técnica e arte deben camiñar necesariamente xuntos antes de que esta opción chegue a ser definitiva. Veremos que pasa.

O importante é a forza que transmiten as súas figuras, que segundo nos conta “non son os típicos premios que un agardaría atopar nun certame coma este, creo que o interesante nesta colección é mirar para adentro, para nós, para Galicia, sen seguir directrices de fora e sen continuar inercias doutros certames”. Apunta tamén que as figuras femininas aínda teñen moito percorrido, “as mulleres son un reto, foi un requisito da organización dos premios. Aínda estou traballando en novas plantillas porque quero melloralas”.

 

A música

 

Na web www.victorlorenzo.com móstrase parte da súa obra máis recente e tamén está rexistrada a súa outra paixón: a música. Imaxinamos os dous momentos creativos de Víctor, debullando ao mesmo tempo a madeira e a cabeza para darlle forma por un lado a unha nova escultura, e por outro, á letra dalgún novo tema da súa banda de psicopornorock, Doctor Harapos, da que se declara cabeza pensante, letrista e en ocasións tamén guitarra e harmónica. Se botades un vistazo a este link http://www.doctorharapos.com/ atoparedes toda a expresividade lírica do Víctor músico, que defende que os Premios Galegos da Música “son unha boa idea para promocionar a música galega e de paso a arte, pola parte que me toca, creo que é unha forma de relacionar música e escultura moi interesante”.

Cando se fala de escoller entre perpetuar os melómanos como as estatuíñas definitivas destes premios, ou optar por darlle a oportunidade a novos artistas en vindeiras edicións –opción que se barallara nun primeiro momento-, Víctor Lorenzo teno claro: “penso que é mellor que cada ano se visibilice un artista diferente, non vai moito no meu interes –ri- pero creo que sería mellor proposta”. Non sabemos aínda o que sucederá porque a estas alturas hai grandes doses de namoramento polas figuras toscas de Víctor, e medran as posibilidades de que se convertan nas definitivas; pero en calquera caso a súa opinión serve para dar conta da súa altura como artista e como persoa. 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información