SALA DE PRENSA

Entrevista a Novedades Carminha

Como nunca pode chover a gusto de todos, tamén hai grupos que nos amosan opinións discordantes cos Premios Galegos da Música Martín Códax. É o caso de Carlangas, integrante de Novedades Carminha, que non os cre necesarios.

07-10-2013 12:49 Novedades Carminha. Grupo de garaxe-punk galego


Carlangas considera que non son precisos “porque as canles primarias para que evolucione a música e poder profesionalizar o sector están rotas. A música existe, existiu e existirá, pero a casa debemos de construíla por abaixo. Supoño que os premios dun sector profesional que practicamente non existe non teñen sentido, e si o ten crear unha industria cultural potente, como a catalana, para despois darnos premios e palmadas na espalda entre nós. Para min non hai nada que celebrar polo momento...”

Novedades Carminha é un “conxunto musical tropical de garaxe-punk” gamberro e irreverente que conta xa con dous discos no mercado musical, “Te vas con cualquiera” e “Jódete y baila”. O grupo manifesta que uns premios “sempre son unha ocasión perfecta para emborracharse con colegas que só te atopas de cando en vez en  salas de concertos e festivais”. E Carlangas, voz e guitarra do proxecto, engade: “considero que todos os discos e directos son válidos mentres non se demostre o contrario, e cada un ten o  público que se merece, e ese é o verdadeiro premio”.

Os dous álbumes de Novedades Carminha están dispoñibles en http://novedadescarminha.bandcamp.com/. Tamén podes atopalos na súa páxina en Facebook (https://www.facebook.com/pages/Novedades-Carminha/234977906623129) e na conta de Twitter @novcarminha.

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información