SALA DE PRENSA

Contamos xa con máis de 400 proxectos inscritos

Estaba claro que había un baleiro que encher e a receptividade da convocatoria estao confirmando. Os PREMIOS GALEGOS DA MÚSICA MARTÍN CÓDAX contan con máis de 400 proxectos inscritos e as 13 categorías cubertas.

01-10-2013 15:24 PGDM


O certame está sendo respaldado por grupos consolidados no panorama estatal e internacional como Triángulo de Amor Bizarro, Xoel López ou Berrogüetto, que con moita xenerosidade se suman a este proxecto e se poñen a altura de calquera outro músico que decida presentarse, demostrando que esta é a gran festa da música galega e a oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de todos os nosos músicos.

Con todo, desde a organización tamén admiten que, contra todo pronóstico, as categorías de Música Tradicional e Música de Verbena son as que van máis lentas,  e isto a pesares da inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen en Galicia; e animan a todos os que formen parte dunha orquestra, dunha charanga ou dun grupo de música de baile a que se inscriban e participen.

Quen pode presentarse aos Premios Galegos da Música Martín Códax

Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2013. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2013, nin ter editado disco algún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. Os Premios Galegos da Música van dirixidos a tod@s @s músic@s, polo tanto, non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. A inscrición será libre e gratuíta. So haberá que aportar unha imaxe, unha pequena descrición e dous audios.

Os Premios Galegos da Música Martín Códax darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 13 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 39 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederase o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@, que será proposta por MAV e se fará público o día 20 de outubro.

O proceso de votación

A través dun proceso de votación on line e privado a través da web www.premiosgalegosdamusica.com, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, as/aos premiad@s en cada categoría. Para facerse soci@ de Músicos ao vivo, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os finalistas coñeceranse o 15 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios, que se entregarán o 13 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

Podedes seguir as novidades do certame en: 

http://www.facebook.com/Premios.Galegos.Musica

https://twitter.com/prgalegosmusica

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información