SALA DE PRENSA

Nacen os I Premios Galegos da Música Martín Códax

A convocatoria, promovida pola Asociación de Músicos Ao Vivo, está aberta a todos os proxectos musicais galegos. Ata o 20 de outubro está aberto o prazo para presentar candidaturas na web www.premiosgalegosdamusica.com.

20-09-2013 13:39 PGDM


 

Esta mañá presentáronse en Santiago os I Premios Galegos da Música Martín Códax. O acto, que tivo lugar no Consello da Cultura Galega, contou co respaldo de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e María Garrido, directora de Marketing de Martín Códax; que xunto con Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), coincidiron na necesidade destes galardóns que veñen a cubrir un baleiro no panorama cultural galego e que segundo Antelo “van servir para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; revelar novos talentos da escena e achegar a música e o seu proceso de produción ao público”.

 

O voceiro de MAV, explicou que os premios nacen nun contexto que reborda creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico para a cultura galega, e declarou que “a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia nestes momentos non está chegando a todos os sectores da poboación tal e como debería”. Antelo tamén fixo fincapé na importancia de que este proxecto sexa entendido como unha oportunidade para todos os que fan música en Galicia ou desde fora de Galicia pero con integrantes galegos, calquera que sexa o estilo musical e a lingua na que desenvolvan o seu proxecto, e engadiu que “Músicos ao Vivo entende a música galega dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza”. Neste sentido, animou a todos os músicos a consultar as bases na web www.premiosgalegosdamusica.com e a inscribir os seus proxectos antes do 20 de outubro.

 

Quen pode presentarse aos Premios Galegos da Música Martín Códax.

Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2013. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste ano 2013, nin ter editado disco algún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. Os Premios Galegos da Música van dirixidos a tod@s @s músic@s, polo tanto, non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. A inscrición será libre e gratuíta. So haberá que aportar unha imaxe, unha pequena descrición e dous audios.

Os Premios Galegos da Música Martín Códax darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 13 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 39 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederase o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo a toda a carreira artística de un/unha músic@ galeg@, que será proposta por MAV e se fará público o día 20 de outubro.

 

O proceso de votación

A través dun proceso de votación on line e privado a través da web www.premiosgalegosdamusica.com, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, as/aos premiad@s en cada categoría. Para facerse soci@ de Músicos ao vivo, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os finalistas coñeceranse o 15 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios, que se entregarán o 13 de decembro nunha gala auspiciada polo Concello de Pontevedra no Pazo da Cultura da cidade.

 

Os apoios

A convocatoria está respaldada desde o ámbito privado por Martín Códax , que demostra unha vez máis o seu compromiso coa cultura galega apoiando os premios como patrocinador principal. A directora de Marketing das Bodegas, María Garrido, asegurou que se sinten “moi orgullosos de poder facer a súa achega a estes premios tan necesarios” e engadiu que teñen vontade de continuar apoiando a convocatoria en vindeiras edicións. Garrido tamén fixo referencia á denominación dos premios, explicando que “nunca un nome comercial foi tan acaído para o patrocinio dun certame, sendo como foi Martín Códax un dos primeiros trobadores galegos”.

 

A nivel institucional, a Xunta de Galicia, a través dun convenio coa AGADIC, e dunha axuda aportada pola Consellería de Educación e Cultura ofrece á convocatoria un soporte fundamental, non so a nivel económico senón tamén simbólico ao considerar que se trata dun certame necesario e inclusivo. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, indicou que con estes galardóns "Galicia dótase por fin dunha convocatoria de premios auspiciada polo propio sector e nun momento, ademais, no que citas deste tipo maniféstanse, máis ca nunca, como oportunidades inaprazables para dar a coñecer a nosa mellor música e os nosos mellores intérpretes". "É importante identificar os nomes, as caras, os sons e os estilos do enorme potencial que alberga actualmente en Galicia a creación e a interpretación musical. Este é un paso firme e necesario que funciona como incentivo a cada proxección artística profesional particular, pero tamén como xeito organizado de fornecer a toda unha xeración de bos músicos que avanzan na consolidación das súas carreiras; e de enriquecer aínda máis o noso panorama musical coa incorporación de novos talentos", engadiu.

 

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra mostrouse interesado dende o primeiro momento en acoller a gala de entrega dos premios no seu Pazo de Cultura, e de ofrecer respaldo económico para a súa xestión, amosando de novo a súa implicación coas grandes citas culturais do país. Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, indicou que “este certame vai facer un tándem máis que proveitoso con outras citas como o Culturgal, citas que van converter á cidade de Pontevedra nun epicentro da efervescencia cultural de Galicia”. “Agardamos que esta primeira edición sexa un éxito, que detrás veñan moitas outras, e que os premios se convertan nun referente de cara ao futuro”, concluíu.

Podedes seguir as novidades do certame en: 

http://www.facebook.com/Premios.Galegos.Musica

https://twitter.com/prgalegosmusica

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información