SALA DE PRENSA

Entrevista a Carlos Castro

“Nunca houbo tanto músico bo en calquera xénero ou estilo, con infinidade de propostas e proxectos artísticos”, de aí a importancia dos premios “para facer visible un sector importante da nosa cultura”.

16-09-2013 20:42 Carlos Castro, percusionista


¿Como empezaches na música?

Dende moi neno coa batería e bongos facía algún dúo co meu pai, que tocaba guitarra, acordeón, harmónica… Algún grupiño caseiro (recordo a José Acuña daquela…) e entrar a formar parte do grupo Cumbre a finais dos 70. Todo elo acompañado dunha xenerosa escoita de música e visionado hipnótico do pouco que saía na tele. No 72 comecei no conservatorio.

Levas tanto tempo dedicado á música, que dificilmente se che pode etiquetar nun ámbito ou disciplina, cóntanos en que andas metido agora.

Ademais das clases e mentres segue de descanso Fía na Roca, estou con X M Budiño, fai uns días presentamos o traballo “Jet Lag” da Banda Crebinsky, e algún que outro concerto con Martín Códax e con Resonet. Tamén estou preparando a edición (con Dos Acordes) dunhas pezas para grupo de percusión baseadas na música tradicional, da que xa saíu “Maruxiña”.

Tras tantos anos na música de xeito activo. Tanto na docencia como no directo, ¿como resumirías a túa experiencia musical?

Pois como unha continua aprendizaxe. Como percusionista hai etapas nas que dedicas máis tempo a un instrumento que a outro, e sempre buscas facelo mellor na seguinte oportunidade.

¿Ten algún tipo de presenza a música tradicional galega na túa vida e nos teus traballos?

Dende sempre: impartición da materia de Percusión Tradicional, arranxos para percusión, na metodoloxía propia publicada para a iniciación.

Carlos Castro é o socio nº 59

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información