SALA DE PRENSA

Músicos ao Vivo concede dous Premios Honoríficos

Pepe Bordallo e Quique Alvarado na V Gala dos Premios Martín Códax da Música

11-05-2018 13:54


O Premio Honorífico Músicos ao Vivo deste ano 2018 ven a recoñecer a dúas persoas que comparten un compromiso e unha traxectoria vital relacionada coa música que dificilmente adoitan ser recoñecidos, pero que fan deles referentes da música galega actual. Un premio "ex aequo" por primeira vez na historia dos Premios Martín Códax da Música.

Falamos de Quique Alvarado e de Pepe Bordallo. Dous músicos de "banda", músicos estruturais que comparten a condición de "baixista", acostumados a ese "segundo plano" lonxe dos focos de interese principal dos medios. Músicos valentes, que abordaron ao longo da súa carreira musical multitude de estilos. Cunha traxectoria extensa, acompañando a grandes artistas e formacións do panorama galego, español e internacional. Outeiro, Candeias, Bibiano Morón, Alberto Cortez, Los Zuecos, DOA ou Los Diávolos son algúns exemplos de formacións nas que participaron Quique e Pepe.

Persoas dun talante amable e discreto, que deixaron a súa pegada en varias xeracións de músicos grazas ao seu importante e dilatado labor docente e tamén polo seu compromiso e loita na procura da dignificación  da profesión de músico e das súas condicións laborais.

Pepe Bordallo e Quique Alvarado, un no sur e outro no norte de Galiza, son a clase de músicos aos que lles debemos moitas cousas e que merecen o recoñecemento da música galega.

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información