SALA DE PRENSA

Galardoados/as da 4ª edición

A gala dos IV PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA reivindicou o papel da muller e a presenza da música en todos os ámbitos da sociedade

04-05-2017 09:42


Co aforo completo dende hai varios días, a cuarta cerimonia de entrega dos Premios Martín Códax da Música demostrou con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega; o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da nosa producción musical, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector.  Dorothé Schubarth chegou dende Suiza para recoller o Premio Honorífico nunha emocionante gala que será emitida o próximo sábado 6 de maio ás 00:30 na TVG.

O que presenciaron esta noite no Pazo da Cultura de Pontevedra os máis de 700 asistentes á gala dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción, calidade e orixinalidade das propostas escénicas e musicais, grazas unha vez máis ao talento de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, ou o que é o mesmo, a compañía de teatro A Panadaría (Premio da Crítica Galicia 2015). O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar o papel da muller no mundo da música. Metidas na pel d’As Pataconas –un trío musical concibido como unha parodia enxebre das célebres The Supremes- as actrices d’A PANADARÍA, recrearon un argumento conductor no que, ademais de estar nomeadas aos premios, debían preparar unha cea de luxo para recibir aos premiados e premiadas.  Sobre un escenario de veludo vermello e pan de ouro, e con esta historia como punto de partida, As Pataconas interpretaron diversas escenas cómicas e números musicais alusivos á gastronomía musical galega con sátiras sobre temas de actualidade e parodias a diferentes artistas do noso panorama. A gala converteuse nunha celebración apetitosa, cun menú composto polos sabores da música galega, que tivo como pratos principais as actuacións dalgúns dos proxectos gañadores da pasada edición: Toño Domínguez da Orquestra de Jazz de Galicia (Premio Martín Códax 2016 na Categoría de Jazz/Músicas Improvisadas); Silvia Penide (Premio Martín Códax 2016 na Categoría de Pop/Indie); Nastasia Zürcher (Premio Martín Códax 2016 na Categoría de Blues/Funk/Soul); e Silvia Cerneira da Banda da Balbina (Premio Martín Códax 2016 na Categoría de Reggae/Ska/Mestizaxe). Estiveron acompañadxs por unha banda en directo integrada por Antía Ameixeiras (violín), integrante de Luar na Lubre e Oîma; Lorena Cachito (batería), integrante da banda de SES, Window Pane e Golden Legacy;  Inés Mirás, (guitarra e baixo), integrante de Ivy Moon, A Banda da Loba e MJ Band; e Aida Saco (piano), integrante de Barahúnda e solista no seu proxecto Metamorfoses. Os premios foron entregados por músicos e músicas premiadas na anterior edición do certame. Os proxectos premiados levaron a casa os Melómanos e Melómanas  creadxs polo escultor e músico, Víctor Lorenzo a golpe de motoserra. Nesta edición inscribíronse un total de 449 proxectos (386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 medios de comunicación), o que volve converter a web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento.

 

A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico á musicóloga suiza Dorothé Schubarth, polas súas novidosas achegas metodolóxicas na recollida e compilación de cantos populares de 38 zonas xeográficas de Galicia e limítrofes reunidos  no Cancioneiro Tradicional Galego; pola a súa xenerosidade ao ceder todo este material ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa consulta pública; e pola súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres”.

No seu discurso de clausura, a presidenta de MAV, Iria Pinheiro, denunciou que “a liberdade de expresión está sendo atacada con condeas de cárcere a músicos e isto evidencia que as artes escénicas non son divertimentos inocuos, e que debemos tomar consciencia sobre o seu poder para mudar a sociedade”.  Tamén denunciou os abusos e irregularidades dalgúns concursos públicos dirixidos ao sector musical; e pediu á administración un compromiso máis firme coa promoción exterior da música galega, cun maior orzamento, máis estruturado e coa certeza na concesión das axudas. Recordou que a baixada do IVE foi so para as entradas a espectáculos en directo, pero a contratación e facturación dos grupos e artistas segue gravándose co 21%. No plano social, esixiu programas de música na televisión pública, “que sirvan para dar a coñecer a realidade musical do país ao gran público en condicións dignas”; e reclamou que a presenza da Música nos currículos do ensino obrigatorio sexa reforzada “garantindo a súa continuidade en todas as etapas educativas”. Por último, anunciou que MAV está xa na recta final do proxecto de creación da Cooperativa Galega de Músicos ao Vivo, “un soño –asegurou-que desexamos se faga realidade axiña e que marcará un antes e un despois na xestión e soporte legal das músicas e músicos galegos”. Pinheiro remarcou tamén que a colaboración de Músicos ao Vivo coas institucións está dando os seus froitos, acadando acordos que fixan unhas condicións económicas e laborais dignas para intérpretes musicais en circuitos e festivais, que xa serán vixentes neste ano; e animou a a crear en todas as vilas agrupacións de músicxs baixo o amparo de MAV.

Os premiados nesta edición foron:

POP/iNDIE Os Amigos dos Músicos

ROCK Agoraphobia

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Iago Fernández

HIP HOP/MÚSICAS URBANAS Maladrómeda

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Alberto Vilas

FOLQUE Vaamonde, Lamas e Romero

MÚSICA TRADICIONAL GALEGA Davide Salvado

MÚSICAS DO MUNDO Talabarte

MÚSICA INFANTIL María Fumaça – Aire!

MÚSICA ELECTRÓNICA Pálida

METAL Aphonnic

REGGAE/SKA/MESTIZAXE O Sonoro Maxín

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Áureas en Voga

BLUES/FUNK/SOUL VooDoo

CANCIÓN DE AUTOR Sonia Lebedynski

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Surfing the Lérez

ORGANISTRUM SALAS A Pousada das Ánimas

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL ZigZag-TVG

PREMIO HONORÍFICO Dorothé Schubarth

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información