SALA DE PRENSA

Paco Nogueiras, premiado na categoría de Música Infantil

“Máis alá dos Premios en si, coido que é máis importante demostrar que somos ou podemos ser un sector forte e unido”. 

03-03-2017 14:15


Falamos co autor do superéxito da música infantil galega, ‘Brinca Vai’, para coñecer a súa visión sobre o sector, os seus gustos musicais e os seus proxectos máis inmediatos. Estade atentas/os porque Paco Nogueiras publicará novo traballo en solitario o próximo outono.

 

- Axudouche nalgo o feito de ser recoñecido co Premio Martín Códax na categoría de Coros e Grupos vocais? Como?  

Sempre axuda como recoñecemento e notoriedade por parte dos medios de comunicación e como ferramenta de publicación nas redes sociais. Xa se sabe que neste mundo, toda axuda é pouca. Agora ben, as miñas contratacións e número de actuacións non aumentaron debido ao premio. Mais levar este premio por parte dos "compañeiros" de profesión sempre é agradable e, de feito, fíxome moita ilusión. 

- Descubriches algún proxecto musical que che sorprendera entre os inscritos nos PMCM 2016?

Claro. Varias formacións e de diversos estilos. Os Premios tamén serven de ventá para ver o que se "coce" no país. A calidade aumenta día a día.

- Animas a outros proxectos musicais a inscribirse? 

Dende logo. Máis alá dos Premios en si, coido que é máis importante demostrar que somos ou podemos ser un sector forte e unido. 

- Coñecías a ASOCIACIÓN DE MÚSICOS AO VIVO antes de participar no certame? 

Si. Pódese dicir que desde o comezo.

- Que che parece o labor que fai?  

Necesaria e admirable. Considero que é un traballo difícil e complicado, e que quedan moitas cousas por mellorar e moito camiño por andar no que, probablemente , esteamos aprendendo todos. 

- Segundo o teu punto de vista, cales son os puntos fortes e os débiles do panorama musical galego hoxe en día? 

Como punto forte pódese dicir que estamos nun momento de creatividade e calidade musical estupendo, con formacións marabillosas e excepcionais ofertando propostas moi variadas. O momento artístico é incríble.

Como punto débil, probablemente a ausencia dun convenio ben estudiado por parte de todos os axentes en xogo. Tamén a ausencia dunha industria cultural axeitada.

- Con quen che gustaría compartir escenario?

Non teño preferencias, considero que todas as situacións son enriquecedoras.

- Cales son os teus próximos proxectos? 

Seguir actuando cos grupos dos que formo parte, mentres preparo o segundo traballo individual, que se todo vai ben, saírá de cara o outono.

- Tes algunha suxestión que facer á organización dos premios de cara á próxima edición?

Simplemente que sigan adiante co seu traballo, que teñen toda a miña admiración e respeto. 

Como suxerencia (nunca fun partidario de premios , a verdade) encantaríame que se puidese facer unha Feira da Música Galega , onde durante un período de tempo puidésemos ver "en acción" aos grupos. Iso si que sería unha ventá ben grande para tod@s. Difícil? ... SI!, Complicado? ... Tamén! ... pero por pensar ... que non quede.

- Cales son as túas influencias musicais? 

Teño moi bo dente. Aínda que procedo da música tradicional, o paso do tempo foime descubrindo innumerables estilos cos que desfruto enormemente. Rock, jazz, electrónica, pop, folk ,reggae, metal, blues ... Son feliz de gozar con todos eles.

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información