SALA DE PRENSA

Nastasia Zürcher, premio na categoría de Blues, Funk e Soul

O panorama está tremendamente vivo e con propostas de enorme calidade, pero todavía falta unión para mellorar as condicións e o respecto á cul

20-02-2017 15:19


Nastasia Zürcher é unha das mulleres máis activas e comprometidas do panorama musical galego. A mesma forza que transmite a súa música queda tamén patente no seu discurso como activista musical. A punto de rematar a xira do seu anterior traballo, anda xa metida de cheo no segundo, sen deixar de poñer en marcha iniciativas a prol da dignidade das músicas e músicos deste país.


 

- Axudouvos en algo o feito de ser recoñecido co Premio Martín Códax? Como?

É unha moi boa carta de presentación de cara a programadores culturais, radios, prensa, etc., tanto dentro como fóra de Galicia. A verdade é que foi un punto de inflexión moi positivo na miña carreira.

- Descubriches algún proxecto musical que te sorprendera entre os inscritos nos PMCM 2016?

Sí, descubrín varios proxectos super interesantes e dos que non tiña nin idea. Paréceme un dos puntos claves destes premios, dar a coñecer o noso proxecto entre os propios profesionais do gremio, ademais do público por suposto, para abrir novas pontes de comunicación entre todas/os nós.


 

- Animas a outros proxectos musicais a inscribirse?

Por supostísimo! A parte da gran visibilidade que aportan os Premios, penso que a unión é sempre favorable para un colectivo, ademais de que reflicte xustamente o punto no que se atopa a profesión a ese nivel. Este ano é a IV edición dos nosos premios, queda moito por facer, e isto paréceme tamén moi emocionante e motivador!


 

- Coñecías a ASOCIACIÓN DE MÚSICOS AO VIVO antes de participar no certame?

Sí, de feito son socia dende hai xa uns aniños, e dende o ano 2015 estou tamén moi metida na Sección Compostela da Asociación, onde traballamos para mellorar e aportarlle ao noso gremio da zona de Santiago cousas boas para todas/os, como por exemplo o novo proxecto de “Compostela é Música” onde comezamos coa elaboración dun censo oficial que cartografíe a escena musical compostelá e sirva de ponte directa de comunicación entre programadores culturais e artistas da zona.


 

- Que che parece o labor que fai?

Super positiva! Ademáis da facilidade para facturar a través deles sen ser autónomo e dos cursos formativos que organizan en conxunto con outras entidades como SGAE ou AIE, a súa función de nexo de unión entre músicos de Galicia é primordial e completamente imprescindible, e ogallá cheguen novas seccións e se traballe en equipo por localidades. De dentro para fora, sempre.


 

- Segundo o teu punto de vista, cales son os puntos fortes e os débiles do panorama musical galego hoxe en día?

Creo que un dos puntos máis fortes da escena musical galega é a gran diversidade estilística dos proxectos activos. A parte da gran vertente tradicional ou clásica que son sempre unha constante en calidade e actividade profesional, hai cada vez máis grupos de blues, de soul, electrónica, de músicas urbanas, incluso música de autor. Tamén os festivais están collendo unha forza magnífica e establecéndose coma claves no circuíto nacional. Creo que a nivel oferta, o panorama está tremendamente vivo e con propostas de enorme calidade. E como punto débil? Quizais todavía falta conciencia de que a unión entre nós é o motor máis potente para mellorar as condicións, a valoración e o respecto á cultura en xeral. O cambio ten que ser en nós en primeiro lugar, e dende ahí espandirse ao público e a todo o demáis, pero se nós mesmos “pasamos”, como non o van facer os demais?


 

- Con quen che gustaría compartir escenario?

Ui, pois encantaríame que houbese un gran concerto de músicas negras, soul, funk, rap, reggae, beatbox…, onde todos os artistas destes estilos compartamos escenario e repertorios propios. Montaríase unha tremenda festa! Eu dende logo, apúntome dende xa ;)


 

- Cales son os teus próximos proxectos?

Pois a parte da xira de concertos co noso formato Beat Trío presentando o meu album debut “My Flight”, que está chegando tranquilamente ao seu final, estou de pleno metida na produción do meu segundo disco, que chegará para finais de ano e do que empezaremos en breve a presentar algúns temas nos concertos.


 

- Tes algunha suxestión que facer á organización dos premios de cara á próxima edición?

Pinchos e bebidas gratis na gala!


 

- Cales son as túas influencias musicais?

Artistas como Lianne La Havas, Selah Sue, Laura Mvula, mesmo Adele, Chet Faker ou Hiatus Kaiyote son algunhas das músicas que forman parte da miña banda sonora de vida. Tamén escoito moita música do mundo, de oriente, africana, jazz e bossa por suposto. Estou aberta a practicamente todos os estilos e fusións, e adoro descubrir grupos diferentes e cunha gran identidade artística, como por exemplo Adult Jazz, Fuel Fandango ou Pórtico Quartet, son tremendísimos...

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información