SALA DE PRENSA

Xabier Díaz, galardoado na categoría de Tradicional

“Escoitar os proxectos inscritos é a maior sorpresa, pola cantidade e a excelencia das propostas”

20-02-2017 13:27


Autenticidade, unha técnica vocal impresionante e moitos kilómetros de recollidas ao lombo definen o proxecto Xabier Díaz, que fala con nós de música, do sector e destes premios. O músico que publicou dous dos discos máis celebrados no tradicional galego nos últimos anos (Coplas para Icia e The Tambourine Man) asegura que foron as tocadoras de pandeireta que atopou en tantos lugares da nosa xeografía, as que máis influiron na súa obra.

 

-Axudouvos nalgo o feito de ser recoñecido co Premio Martín Códax? Como? 

Si por suposto, en primeiro lugar a xeito de folgos, o recoñecemento do traballo feito por parte dos compañeiros de profesión é un estímulo para continuarmos traballando, máis duro se cabe, por outra banda sempre axuda a facer visible o proxecto a ollos da sociedade en xeral.

 

- Descubriches algún proxecto musical que te sorprendera entre os inscritos nos PMCM 2016?

Un feixe deles... concretar semella inxusto, escoitar os proxectos inscritos é a maior sorpresa, pola cantidade e a excelencia das propostas.

 

- Animas a outros proxectos musicais a inscribirse? 

Por suposto, é a festa da musica, a nosa festa... tamén unha oportunidade para dar a coñecer propostas ao tempo que un lugar e un momento para o reencontro.

 

- Coñecías a ASOCIACIÓN DE MÚSICOS AO VIVO antes de participar no certame? 

Si claro, pola miña condición de asociado.

 

- Que che parece o labor que fai?  

Importantísimo, logo de tantos anos por fín temos unha ferramenta útil, e optamos pola suma de vectores, pola mancomunidade.

 

- Segundo o teu punto de vista, cales son os puntos fortes e os débiles do panorama musical galego hoxe en día? 

Os fortes... as capacidades creativas nunha diversidade de proporcións importantes, os débiles sen lugar a dúbidas os problemas de visibilidade, falta de presencia en medios de comunicación, falta de estruturas profesionais e mesmo a precariedade no laboral.

 

- Con quen che gustaría compartir escenario?

Xa compartín palco con moitos amigos... non son mitómano, pero hai un feixe de compañeiras/os do noso propio país, seguro que teremos oportunidades.

 

- Cales son os teus próximos proxectos? 

Perseverar neste no que ando mergullado, a xira internacional para presentar a nosa proposta e o próximo disco.

 

- Tes algunha suxestión que facer á organización dos premios de cara á próxima edición?

Convidar a continuar organizando os premios moitos anos máis.

 

- Cales son as túas influencias musicais? 

As tocadoras de pandeireta que atopei en tantos lugares da nosa xeografía, creo que son as que máis inflúen na miña obra, hoxe en día.

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información