SALA DE PRENSA

Arranca a 4ª edición con novidades nas bases e nas votacións

Os proxectos gañadores do ano pasado non poderán presentarse a esta edición e na 2ª fase votará un xurado integrado por profesionais do sector. 

15-02-2017 13:40


Esta mañá presentouse en Santiago a cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. O acto, que tivo lugar na Sala Riquela, contou co respaldo de María Garrido, directora de Marketing das Bodegas Martín Códax; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Demetrio Gómez Xunqueira, responsable de Xuventude do Concello de Pontevedra; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; que xunto con Ramón Bermejo, voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), mostráronse satisfeitos pola consolidación do certame, e ilusionados ante unha nova convocatoria que volve achegar novidades para intentar adaptarse á realidade que demandan os músicos e músicas do país. A presentación deu comezo cunha pequena intervención musical a cargo d’A PANADARÍA TEATRO que conducirán de novo a gala desta cuarta edición, o 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra; e que protagonizan o spot de lanzamento desta 4ª edición.

 

A continuación, na rolda de intervencións, o voceiro de MAV desgranou as claves desta convocatoria que ten dúas grandes novidades: Non poderán presentarse este ano os proxectos premiados na anterior edición, para dar a outros proxectos máis oportunidades de vivibilización. Ademáis modifícase o sistema de votacións para introducir na segunda fase un xurado integrado por profesionais do sector musical. Bermejo explicou que estes cambios “nacen da necesidade permanente de velar pola lexitimidade e coherencia da convocatoria”, abrindo un pouco o abano de deliberación e convidando a todo o sector a participar na elección dos proxectos destacados de cada ano. “Deste xeito –asegurou- o certame continúa construíndo pontes para tratar de unir a todas as familias musicais galegas, fiel ao seu obxectivo de traballar para lograr uns premios de todos”. Bermejo tamén apuntou que a gala deste ano “ademais de ser a gran festa da música galega vai ser un acto onde se reivindiquen as demandas do sector”. Neste sentido mencionou a nova lei de espectáculos, as políticas municipais para regular a música ao vivo, a necesidade dunha maior presenza da muller na asociación e nos premios, a constitución dunha cooperativa de facturación galega e a importancia de promover unha educación musical de calidade. Por último, animou a todas as músicas e músicos a consultar as bases na web www.premiosmartincodaxdamusica.com e inscribir os seus proxectos ata o 5 de marzo. Recordou que a inscrición é libre e gratuíta e que non é necesario ser socia/o de Músicos ao Vivo para presentarse, so para votar.

 

O novo proceso de votación

Na primeira rolda votarán, coma sempre, as/os socias/os de MÚSICOS AO VIVO a través dun proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, escollendo 3 finalistas por cada categoría. A continuación, un xurado decidirá os gañadores. Este xurado estará integrado por 1 xornalista, 1 representante das salas, 1 representante da industria musical, 1 representante do ámbito da formación musical, e 3 músicas/os. A composición do xurado será secreta, incluso para os propios membros do mesmo, e darase a coñecer unha vez rematada a fase de votacións de Finalistas. O único que non decidirá este xurado será o Premio Honorífico, que decide a directiva de MAV, escollendo entre as múltiples propostas que está recibindo das/os súas/seus socias/os; e que se anunciará na segunda semana de marzo. Para facerse socia/o de Músicos Ao Vivo e poder votar na primeira fase, so é preciso ser música/o e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os proxectos finalistas coñeceranse o 6 de abril durante a Festa de Nomeados nas Bodegas Martín Códax.

 

Categorías

Este ano volven convocarse 16 CATEGORÍAS MUSICAIS: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas..) / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena / Coros e Música Vocal. Os PREMIOS ORGANISTRUM seguirán recoñecendo o labor da industria, premiando a unha sala, o un festival e un espazo de comunicación musical; e por último MAV continúa o seu labor de recoñecer a traxectoria dun/dunha músic@ galeg@ a través do PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo.

 

Os apoios

A convocatoria está apoiada desde o ámbito privado por Martín Códax , que demostra unha vez máis o seu compromiso coa cultura galega apoiando os premios como patrocinador principal. A directora de Marketing das Bodegas, María Garrido, apuntou que estes premios "son necesarios para reivindicar a calidade artística das producións musicais galegas". Garrido engadiu que "Martín Códax seguirá apostando por este certame que está axudando a dignificar o noso sector musical e que en so en catro  edicións conseguiron poñerse á altura dos grandes premios culturais do país".

 

A nivel institucional, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, situou o apoio continuado da Xunta de Galicia a estes premios no marco do estímulo público para a mellora de calquera exercicio artístico; e valorou de xeito moi positivo a contribución que están a realizar "no coñecemento dos estilos, variedades, artistas e proxectos que conforman o rico panorama musical de hoxe en día", expresou. Jacobo Sutil destacou, ademais, o mérito dos Premios Martín Códax por poñer o foco na importancia da actividade cultural 'ao vivo' e incidiu na idea de que, a través de iniciativas como a destes galardóns, fortalécese a actividade de todos os axentes que desenvolven as industrias culturais galegas.

 

Pola súa banda, Demetrio Gómez Xunqueira, responsable de Xuventude do Concello de Pontevedra, asegurou que “os Premios Martín Códax da Música forman parte indispensable do modelo de cidade de Pontevedra no que a cultura e a música están presentes na vida dos cidadáns, e imos seguir apostando por este certame como fórmula para visibilizar a gran escena musical galegae seguir construíndo unha industria da que se poda vivir con dignidade.

 

Na mesma liña, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal manifestou que "é moi importante apoiar unha gala que pon en valor o sector musical profesional galego, nun evento que quere demostrar o potencial creativo que temos no país. Ter unha música de nós sempre é motivo de orgullo -dixo- e as Administracións temos que apostar por consolidar este sector estratéxico".

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información