SALA DE PRENSA

Entrevista a De Vacas

Animamos ao resto de músicos a formar parte da familia de Musicos ao Vivo. Participar dos premios é só un dos moitos beneficios colaterais.

20-06-2016 10:43


Tres voces marabillosas e unha guitarra de ouro. A DE VACAS gustaríalles compartir escenario con Enrique Iglesias, e contan que as Spice Girls están entre as súas influencias. O seu obxectivo é divertirse e facernos pasar un bo rato, e con esta fórmula están arrasando. Teñen concertos por todas partes durante todo o verán incluído o que nos ofrecerán mañá ao mediodía na sesión vermú da Festa Martín Códax da Música ao Vivo, inaugurando a programación do Día Europeo da Música en Compostela.

 

- Axudouche en algo o feito de ser recoñecido co Premio Martín Códax na categoría de Coros e Grupos vocais? Como?

 

O ritmo de contratacións está sendo moi alto nos últimos meses, e ainda que é moi cedo para valorar a relación directa deste feito coa recepción do premio, estamos convencid@s de que a repercusión e visibilidade que dá formar parte de todo o proceso son e serán moi positivas.

 

- Descubriches algún proxecto musical que te sorprendera entre os inscritos nos PMCM 2016?

 

Mais que falar dalgún proxecto concreto, o que sempre sorprende é descubrir a enorme cantidade e calidade de grupos existentes, o enorme caudal de creatividade en activo. Outro dos grandes valores dos Premios Martín Códax da Música é precisamente permitirnos coñecer e achegarnos a boa parte dos proxectos que doutro xeito pasarían desapercibidos, para nós e para o público en xeral.

 

- Animas a outros proxectos musicais a inscribirse?

 

En realidade animamos ao resto de músicos a que se asocien, a que formen parte da familia de Musicos ao Vivo. Participar dos premios optando a algún deles e/ou votando polo resto de proxectos é só un dos moitos beneficios colaterais.

 

- Coñecías a ASOCIACIÓN DE MÚSICOS AO VIVO antes de participar no certame?

 

Si. O certo é que Músicos ao Vivo deuse a coñecer como o nacemento en Galicia dunha voz común para tódolos músicos. Cun boca a boca, axiña chegou a ouvidos de moitos músicos que festexábamos a aparición dunha asociación que daba solución e escoita a moitas das nosas inquedanzas.

 

- Que che parece o labor que fai? 

 

Sen lugar a dúbida fai un labor que estaba orfo e que é moi necesario no sector. A unión e posta en común de intereses e necesidades a través dunha plataforma como Músicos ao Vivo fai que se poidan facer cousas máis grandes, conseguir obxectivos comúns e sumar os folgos dun colectivo que ten moitísimo por facer e por amosar.

 

- Segundo o teu punto de vista, cales son os puntos fortes e os débiles do panorama musical galego hoxe en día?

 

Resumindo, como punto forte destacariamos a enorme creatividade, calidade e diversidade de grupos e estilos que conforman o panorama musical hoxe en día. Como punto débil a tamén enorme dificultade que todo este talento atopa para poder darse a coñecer entre o gran público. Falta un eslabón na cadea que debera unir a creadores e receptores.

 

- Con quen che gustaría compartir escenario?

 

Con Enrique Iglesias, por suposto. Cantante, compositor, poeta, descendente de galegos... Pensamos que podería saír outro exitazo desta posible colaboración.  

 

- Cales son os teus próximos proxectos?

 

Ademais de seguir investigando nas músicas máis comerciais e extraendo esencias, gustaríanos seguir creando videoclips e publicalos nas redes, a parte visual vai dentro xogo. E sobre todo, seguir divertíndonos moito co que facemos. 

 

- Tes algunha suxestión que facer á organización dos premios de cara á próxima edición?

 

Aumentar algunha categoría relacionada co ámbito técnico (son, producción, distribución, etc..). É obvia a importancia de todos estes factores e axentes vinculados ao musical, e sería bo que formaran parte activa na asociación. 

 

Tamén, se se quere, mellorar o cátering, ofrecendo máis variedade e calidade. Pasamos fame despois da gala ;)

 

- Cales son as túas influencias musicais?

 

Empapámonos de múltiples fontes (tres en concreto). En primeiro lugar as Spice Girls, seguidas dos Backstreet Boys e por último, ainda que unha das vacas fora membro e poida resultar extraño, temos que dicilo... Berrogüetto. Representan influencias musicais e iconas a tódolos niveis, arte e vida son indisociables para nós.​

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información