SALA DE PRENSA

Entrevista a Croma

O gañador na categoría de electrónica soña cun país “onde a xente poda gozar da música sen prexuízos, sen etiquetas, e iso en Galicia aínda non pasa".

15-06-2016 20:22


Axudouche en algo o feito de ser recoñecido co Premio Martín Códax na categoría de Electrónica?

A nivel de ser máis coñecido sen dúbida, e o recoñecemento ao teu traballo sempre che da un pouco máis de credibilidade á hora de vender a túa música, entón valóroo dunha maneira moi positiva.

Descubriches algún proxecto musical que te sorprendera entre os inscritos nos PMCM 2016?

Descubrín a 2pasos, que me gusta especialmente, e me parece do mellor na categoría de electrónica. Tamén me gustou The Last Minute Experience, que non os coñecía. Pero na categoría de electrónica falta moita xente potente, e quero aproveitar para animalos a que se inscriban para que se vexa a verdadeira potencia que temos en Galicia, e contribuír a consolidar estes premios.

Segundo o teu punto de vista, cales son os puntos fortes e os débiles do panorama musical galego hoxe en día?

Para min un pais rico en cultura musical e visto quizais dende un punto de vista utópico, sería aquel onde tivese cabida todo estilo musical. Onde a xente puidese gozar da música sen prexuízos, sen etiquetas, un camiño cara o eclecticismo sonoro. E en Galicia iso aínda non pasa.

Dito isto, creo que o punto débil do panorama musical galego é que moitas bandas e grupos que fan determinados tipos de música non teñen apenas espazo en Galiza. 

Pola contra o punto forte é a calidade dos nosos dj´s e produtores máis talentosos. Dak, Paulhard, Dj Inim, Dj Mil, Fernando Mesa, son so algúns exemplos de artistas cunha enorme calidade artística dentro da electrónica e algúns deles cunha enorme repercusión mediática.

Tes algunha suxestión que facer á organización dos premios de cara á próxima edición?

Pois que sigades traballando como ata agora porque o estades facendo moi ben.

Cales son os teus próximos proxectos?

Estou preparando novo material que sacarei a finais do verán ou no outono, e podo adiantar que será moito máis bailable que de costume. 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información