SALA DE PRENSA

Sorpresas nunha gala centrada na diversidade

Cheo absoluto, premios inesperados, moito humor e críticas á situación do sector musical

28-04-2016 23:00


O que presenciaron onte á noite no Pazo da Cultura de Pontevedra os máis de 700 asistentes á gala dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción, calidade e orixinalidade das propostas escénicas e musicais grazas ao talento de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, ou o que é o mesmo, a compañía de teatro A Panadaría, Premio Xuventude Crea 2013, Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria e Premio da Crítica Galicia 2015. O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar a diversidade, o traballo das músicas e músicos máis invisibles, os que supoñen unha excepción e se sitúan nas marxes do sistema musical. Con sketches inesperados e hilarantes nos que as integrantes d’A Panadaría, interpretaron temas orixinais creados especialmente para este evento, e visibilizaron un universo musical desecoñecido para o gran público: a muller como compositora e tamén intérprete de instrumentos tradicionalmente masculinos como demostraron as estudantes do CMUS de Vigo Desirée Gómez (trompeta) e Antía Figueroa (percusión); a discapacidade como outro xeito de ser e estar no mundo da música a través da banda de rock Xerock, formada hai máis de dez anos por persoas con discapacidade intelectual no Centro San Xerome Emiliani de A Guarda; os músicos anónimos como Paco Barreiro, que aos seus 62 anos non percorreu os circuitos comerciais pero decidiu subsistir coa música; e a inmigración vista como a posibilidade dun diálogo entre culturas representada por Batuko Tabanka, unha agrupación de mulleres de Cabo Verde integradas en Burela que tocan o batuko, un pano pregado colocado entre as pernas.

 

Os premios foron entregados por representantes de colectivos musicais como a plataforma ‘Queremos Entrar’, as seccións de MAV de Coruña, Compostela e Jazz; os Locais de Ensaio de Pontevedra, a Asociación de Gaiteiros e Asomúsica. María Garrido, directora de marketing das bodegas Martín Códax fixo entrega canda o membro da xunta directiva de MAV, Xosé Lois Romero, do Premio Honorífico a Antón Corral. Os triunfadores da noite levaron a casa un dos Melómanos  que o escultor e músico, Víctor Lorenzo, creou especialmente para o certame a golpe de motoserra. Nesta edición inscribíronse un total de 448 proxectos (396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación), o que volve converter a web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento. No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Ramón Bermejo, reivindicou que a asociación é necesaria para “dar pulo á dignificación do oficio da música, e servir como lugar de encontro entre os profesionais que defendemos o papel dun sector que noutros países é considerado estratéxico”. Bermejo denunciou que “vivimos un desmantelamento progresivo das artes e as humanidades no noso sistema educativo da man da LOMCE, precisamente cando máis estudos demostran as vantaxes da música na educación” e recordou que “moitos músicos dedican parte do seu tempo ao ensino da música e grazas ao seu esforzo, escasamente apoiado dende as institucións, están indo cara adiante agrupacións musicais cada vez de máis calidade”. Apelou tamén á necesidade de contar cos medios de comunicación como cómplices na difusion da música galega; e destacou “a presenza cada vez maior das mulleres, non só como cantantes -onde sempre arrasaron- senón tamén como instrumentistas ou compositoras”.  Por último, recordou a preocupación de MAV respecto ao peche de locais con programación musical “por problemas derivados da inexistencia dunha lei de espectáculos que regule e protexa debidamente a actividade da música ao vivo, unha lei que debería servir tamén de estímulo e apoio e que debe ser redactada coa participación deste colectivo para que sexa realmente útil e duradeira”.

 

Os premiados nesta edición foron:

Pop e indie: Silvia Penide

Rock: Foxy Freire

Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher

Jazz e músicas improvisadas: Orquestra de Jazz de Galicia

Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram

Música clásica e contemporánea: Vertixe Sonora Ensemble

Folque: Caxade

Música tradicional galega: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Músicas do mundo: Crebinsky

Canción de Autor: Guadi Galego

Música infantil: Brinca Vai!

Electrónica: Croma

Metal: Mutant

Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina

Orquestras, grupos e música de verbena: Orquestra Os Modernos

Coros e Grupos Vocais: De Vacas

Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe

Premio Organistrum Festivais: Feito a Man

Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Ábretedeorellas

Premio Honorífico: Antón Corral

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información