SALA DE PRENSA

Entrevista a Cró!

Coa súa habitual retranca, os Cró lamentan que sendo tantos “ainda non temos o poder suficiente como para implantar leis, que nos permitan establecer por decreto un nivel de vida tipo rockStar"

24-02-2016 08:55


Os gañadores na categoría de rock enfróntanse ao noso cuestionario cunha boa dose de humor ácido mesturado con retranca para ofrecernos un repertorio de respostas inauditas pero moi moi divertidas. Aseguran que o feito de ter gañado a segunda edición supuxo que “agora por fin cada un temos a nosa propia casa e abandoamos os nosos traballos diurnos, ás veces penso que non nos merecemos este tren de vida para a cantidade de traballo que leva”.

Parece ser que os Cró! xa teñen temas novos e en agosto gravarán o seu novo disco para  presentalo “por todas as parroquias do universo a partires de setembro-outubro”.

Decláranse “bastante fuchicas” e sobre a pasada edición disque “xa coñeciamos á maioría dos grupos” pero –engaden con ironía- “podería dicirse que o maior descubrimento foi atopar a tanta xente falando sobre música e tratando de buscar solucións para manter o noso exquisito nivel de vida”.

Para a banda viguesa, no panorama musical galego “o punto forte é que somos moitos e o punto débil é que inda non temos o poder suficiente como para implantar leis, como as que establecen os presidentes e políticos en xeral, que nos permitan establecer por decreto un nivel de vida tipo rockStar ou inda que sexa un pouco menos”.

 

E atentos porque achegan unha suxestión moi creativa á organización para esta nova edición: “Unha jam final entre os membros da directiva, ou os gañadores, ou o público ou..”

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información