SALA DE PRENSA

“A capacidade de resistencia e de reinvención”

Das Kapital, gañadores na categoría de electrónica dos I Premios Martín Códax da Música, cren que esa é a fortaleza do panorama musical galego, ao que aportarán en breve novo EP.

13-11-2014 12:00 PMCM


“A capacidade de resistencia e de reinvención” é para Das Kapital, gañadores na categoría de electrónica dos pasados Premios Martín Códax da Música, a fortaleza do panorama musical galego, por contra a un punto feble que “excede con moito o panorama musical galego e ten que ver coa situación de opresión nacional en que vive o país e as súas clases traballadoras”.

O seu proxecto musical continúa neste 2014 grazas a “algún que outro concerto” e recoñecen estar a traballar en novas ideas para novos traballos, pero tamén apuntan que “nada dura para sempre”. Está previsto que o seu novo EP, do que podemos ver xa un adianto na súa canle de YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=FoCDGQ_KEXk), saia en decembro de 2014.

Conseguir visibilidade

Para eles gañar o Martín Códax da Música “axuda a conseguir visibilidade” e que a pasada edición serviu para que descubriran a Sub Rosa, “que agora fan parte da discográfica auto xestionada Discos da Máquina, canda Caxade, Ataque Escampe, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, The Lost Omelette-makers e mais nós”.

Con respecto ao traballo de Músicos ao Vivo, manifestan ser “partidarios de que a xente se organice no seu lugar de traballo, no seu lugar de residencia, no seu lugar de lecer. É dicir, facer as cousas en colectivo para garantir así as nosas vidas como individuos. Somos partidarios, en resumo, de organizármonos para nos defender do capital e os seus secuaces”.

Imaxe: Das Kapital na cea de finalistas dos I Premios Martín Códax da Música (Xabicas)

 

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información