Os Premios Martín Códax da Música naceron en 2013 promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, nun contexto que segue rebordando creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado moi probablemente se rebelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.

Estes galardóns teñen uns obxectivos que van moito máis aló da autocomplacencia e o autobombo dos músicos, para sumarse a esa idea de ‘facer país’ na que tantos axentes traballamos a diario. Estas son as principais metas dos premios:

RECOÑECER a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas. Revelar novos talentos da escena musical galega e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.

FACER RENDIBLE O POTENCIAL DA NOSA MÚSICA. Músicos ao Vivo é consciente do tremendo potencial que a Música Galega ten. E temos presente que a enorme produción e creación musical da que gozamos en Galicia non chega a todos os sectores da poboación tal e como debería. Músicos ao Vivo entende a música galega dun xeito aberto, universal e inclusivo, sen poñer cotas estilísticas ou doutra índole. Aí reside a nosa riqueza. Cremos que debemos traballar para facer sentir a presenza do sector produtivo con máis potencial dentro da cultura galega, e de tirar del toda a rendibilidade que é quen de producir. Os premios están axudando a promover a música creada en Galicia non só dentro do país, senón tamén a nivel estatal e internacional, ampliando deste xeito a actividade económica deste sector no exterior.

FACER VISIBLE A TODO UN SECTOR. Os Premios Martín Códax da Música darán visibilidade á Música Galega. Con carácter xeral, poñendo nos medios a todo un colectivo de creadores, a toda unha industria, e a toda unha comunidade comprometida coa cultura musical galega; e de xeito particular, resaltando 3 proxectos concretos por cada unha das 15 categorías musicais e os 3 Premios Organistrum, que recoñecen a mellor Sala, o mellor Festival, e o mellor Espazo de Comunicación Musical; ademais da mención honorífica a toda a carreira artística de un/unha música/o galega/a. En total, estes galardóns botarán luz sobre 54 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo.

QUEN PODE PRESENTARSE AOS
V PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2018

A convocatoria vai dirixida a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2018, agás os que xa foran premiados na anterior edición dos premios. Entendemos por proxectos musicais galegos a grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou realizados fóra de Galicia por músicas/os galegas/os. En concreto, se o proxecto en cuestión é de fóra de Galicia, deberán ser maioría as/os integrantes galegas/os, ou, polo menos, o 50%. Nos casos en que a/o líder do proxecto sexa galega/o, non será necesario cumprir este mínimo do 50% de procedencia galega para o resto de integrantes. Poderán participar tamén grupos de fóra de Galicia, ben por cantaren en galego ou por interpretaren, na súa meirande parte, música de raíz galega.

Non será requisito imprescindible ter editado disco no 2017/2018, nin ter editado disco algún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. A inscrición para acadar a nominación aos premios será libre e gratuíta.

Os premios Martín Códax da Música van dirixidos a todas/os as/os músicas/os, polo tanto non é necesario ser socia/o de Músicos ao Vivo para optar a estes Premios.

CATEGORÍAS

Convócanse 15 categorías musicais estilisticamente moi abertas, nas que calquera proxecto musical poda atopar o seu sitio, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico

CATEGORÍAS MUSICAIS

  • Pop e Indie.
  • Rock.
  • Blues, Funk e Soul.
  • Metal.
  • Canción de Autor.
  • Hip Hop e Músicas Urbanas.
  • Reggae, Ska e Mestizaxe.
  • Electrónica.
  • Música Clásica e Contemporánea.
  • Jazz e Músicas Improvisadas.
  • Música Tradicional e Folk.
  • Músicas do Mundo.
  • Música Infantil.
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena.
  • Coros e Grupos Vocais.

PREMIOS ORGANISTRUM. O Organistrum é un instrumento do que temos constancia pola súa presenza no Pórtico da Gloria. É anterior mesmo ao propio Martín Códax. Sabemos del que eran necesarias dúas persoas para facelo sonar, debido ao seu gran tamaño. Con esta imaxe queremos rendir recoñecemento as/aos cómplices imprescindibles das/os músicas e músicos. Axentes presentes no noso sector musical, na nosa industria, no feito cultural mesmo. As categorías convocadas son:

  • Salas.
  • Festivais.
  • Espazos de Comunicación Musical.

PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo. En cada edición dos Premios Martín Códax da Música entregase un Premio Honorífico a un/unha música/o galega/o, que pola súa traxectoria artística e adicación á música ao vivo, constitúa un referente para as novas xeracións de músicas/os. A Xunta Directiva escollerá o premiado ou premiada de cada edición de entre as propostas presentadas polas/os socias/os telematicamente según o acordado en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo.

LÍMITES E INCOMPATIBILIDADES

Só se poderá inscribir o mesmo proxecto nunha soa categoría.

Non poderán participar nestes Premios os proxectos que utilicen nas súas actuacións e/ou espectáculos, playbacks, falsos directos, ou músicas/os de figuración, así como contidos ou actitudes discriminatorias, violentas ou denigrantes.

Tampouco poderán participar nesta edición os proxectos que acadaran premio no 2017.

Non será posible retirar o proxecto inscrito unha vez comezadas as roldas de votacións.

Aquela categoría na que non se inscriban un mínimo de 5 proxectos quedará anulada.

INSCRICIÓN DE CANDIDATURAS

A Inscrición dos participantes será libre e gratuíta, e farase polos propios artistas, grupos, ou músicas/os integrantes do proxecto, a través da web: www.premiosmartincodaxdamusica.com

OBRIGATORIO: Haberá que aportar unha imaxe, unha pequena descrición e dous audios que deberán ser subidos á propia web en formato mp3.

OPCIONAL: Tamén se poderá acompañar un vídeo do proxecto vía Youtube ou Vimeo, así como os propios sites e webs do proxecto.

PREMIOS ORGANISTRUM: As salas, festivais e espazos de comunicación musical terán que subir un logo ou imaxe corporativa, un texto explicativo, e as ligazóns que consideren oportunas. Webs, videos, reseñas, etc... Ás salas e aos festivais, ademais pedímoslles un mínimo de 3 fotos e un máximo de 6.

PUBLICACIÓN DE INFORMACIÓN

Os participantes autorizan a Músicos ao Vivo a publicar na web www.premiosmartincodaxdamusica.com ou nas dos seus colaboradores, os arquivos de audio, vídeo e imaxes da súa propiedade que sexan necesarios para levar a cabo o proceso de votación e toda a promoción relacionada, sen dereito a contraprestación algunha, pero en todo caso conservando os dereitos de propiedade intelectual que tivesen sobre os mesmos. A organización non se fai responsable dos erros ou omisións que puidesen conter os datos publicados na web e facilitados polos participantes. Para corrixir aqueles erros ou omisións que puidesen detectarse na fase de inscrición, a reclamación poderá ser enviada á dirección de correo electrónico info@premiosmartincodaxdamusica.com dentro do período de inscricións.

CALENDARIO

Nesta quinta edición, plantexamos un calendario máis axustado aos tempos necesarios de votación, así como a celebración de eventos en días da semana que non coincidan con concertos e que faciliten a asistencia de músicas e músicos tanto á Festa de Nomeados como á Gala de Entrega de Premios. Estas son as datas:

PRESENTACIÓN OFICIAL DOS PREMIOS

Xoves 1 de marzo

PRAZO DE INSCRICIÓNS

Do xoves 1 de marzo ao domingo 18 de marzo

PRIMEIRA ROLDA DE VOTACIÓNS

Do luns 19 de marzo ao domingo 8 de abril

FESTA DE NOMEADOS

Mércores 18 de abril

VOTACIÓN FINALISTAS

Do xoves 19 de abril ao domingo 6 de maio

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

Mércores 9 de maio

VOTACIÓNS E PROCESO DE SELECCIÓN DAS/OS PREMIADAS/OS

Na primeira rolda votan coma sempre as/os socias/os de Músicos Ao vivo, e na segunda un xurado seleccionado pola directiva de Músicos ao Vivo escolle os proxectos premiados de entre as/os finalistas. Este xurado estará composto por:

  • 1 xornalista
  • 1 representante de salas
  • 1 representante da industria musical
  • 1 representante da formación musical
  • 3 músicas/os

A composición do xurado será secreta, mesmo para os propios integrantes, e darase a coñecer unha vez rematada a fase de votacións.

Comunicaranse @s Premiad@s o día da Gala dos Premios Martín Códax da Música, o mércores 9 de maio de 2018. Nas dúas quendas de votación, valorarase a posición dos proxectos escollidos, como 1o, 2o, e 3o, como sistema de ponderación por puntos para favorecer os desempates.

DEREITOS E OBRIGAS DO ORGANIZADOR

A Xunta Directiva de Músicos ao Vivo velará, en todo momento, polo cumprimento das presentes bases e resérvase o dereito de interpretación das mesmas. Será competencia da Xunta Directiva da Músicos ao Vivo supervisar o proceso necesario para exercer o dereito ao voto e asegurar a transparencia do proceso.

As presentes bases poden estar suxeitas a modificación, nese caso informarase oportunamente a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com

As cookies propias e de terceiros permitenos mellorar os nosos servicios. Ó navegar polo noso sitio web, aceptas o uso que facemos das cookies. Máis información